Arquivo popular eumés

Seccións
Intranet





¿Recuperar contrasinal?
Sindicación
A SOCIEDADE
 

Proceso de fundación e obxectivos xerais do Ateneo Eumés Fernán Martíns

As orixes do Ateneo Eumés remóntase ao ano 2000, cando un grupo de catro persoas levaron a cabo unha serie de reunións relacionadas coa necesidade de crear unha agrupación asociativa que canalizara as demandas culturais dunha parte importante da sociedade da bisbarra eumesa. Estas conversas de tipo xeral versaron sobre o tipo de agrupación que pretendiamos, a súa estrutura organizativa e os seus obxectivos. Sobre os citados aspectos houbo discrepancias pero tamén concordancias e, durante o ano 2001, fóronse delimitando tanto os aspectos relacionados co tipo de organización, como a súa estrutura e os seus obxectivos xerais.

En primeiro lugar pensamos que o tipo de organización debía ser un Ateneo pola tradición que este tipo de asociacións teñen no apoio ás artes, ás ciencias e, en xeral, á cultura dentro dunha traxectoria, laica, republicana e defensora dos sistemas democráticos. Non en vano o nome arrinca da deusa grega patrocinadora da pole ateniense, como sabemos democrática, Palas Atenea - A Minerva romana – que lle ensinou aos seus patrocinados o cultivo das plantas e as artes, incluso a escritura, necesarias para desenvolver a sociedade.

Queríamos entón crear un ateneo e promover o coñecemento e o debate sobre todos aqueles aspectos que son motivo de debate entre os homes e as mulleres do noso tempo, incluíndo o debate político pero, desde unha posición apartidaria. Pero tamén nos propoñiamos dar a coñecer, na medida das nosas posibilidades as novidades culturais e científicas máis salientables. Neste último aspecto démoslle unha particular importancia á difusión e debate de todo o relativo a Galicia, cuxa lingua adoptamos como oficial, por entender que está en desvantaxe con respecto aos grandes medios de comunicación.

En canto á estrutura da organización, optamos pola asemblearia, delegando a asemblea nun equipo directivo, elixido por precepto legal e renovado cada dous anos, pero no que as decisión se toman de común acordo ou por maioría dos seus membros.

En canto aos obxectivos, en gran parte xa están citados cando explicamos a orixe dos Ateneos, pero resumímolos brevemente: Promover o debate sobre os grandes temas da nosa sociedade; promover actos que dean a coñecer as novidades culturais e científicas que se producen nos nosos días, principalmente as referidas a Galicia; promover o uso da lingua galega e o aprecio pola nosa cultura; promover o debate, o estudo e a difusión do pasado histórico e cultural da comarca eumesa, como parte da nosa identidade galega, fundando se fose necesario unha revista que desenvolvera o papel de voceiro da sociedade e complemento dos obxectivos que se propón; todas aquelas actuacións que, dentro dos obxectivos xerais, sexan decididas pola asemblea e/ou pola xunta directiva.

Con estes acordos tomados e actuando como promotores da agrupación, os reunidos inicialmente demos a coñecer este proxecto aos medios de comunicación e convocamos publicamente varias reunións con éxito aceptable de público.

Na terceira destas reunións, a celebrada o 13 de xaneiro de 2002, aprobamos os estatutos e eliximos unha xunta provisional que actuou como Xunta Directiva para levar a cabo o proceso de legalización e a promoción de actos que, de acordo cos estatutos, serviran para desenvolver os aspectos sobre os que versaran as nosas discusións preliminares.

Foi tamén nesta reunión onde aprobamos os nosos símbolos, unha A deseñada polo eumés Pepe Barro a partir da letra inicial da Crónica Troiana, traducida ao galego por Fernán Martís; unha “A” artisticamente deseñada, decidindo a partir deste dato engadir o nome do citado autor medieval ao nome do Ateneo Eumés.

Desde entón e coas renovacións habituais da xunta directiva, o Ateneo Eumés Fernán Martís ven desenvolvendo as súas actividades, no contexto da sociedade eumesa.

A Xunta Directiva

 
 
 
(C) 2010 Ateneo Eumés Fernán Martís